19/6/09

CORAZÓN DE TINTA

Os que tivestes a fortuna de sentir como cobraban vida na vosa imaxinación os personaxes dos contos que vos lían os vosos pais antes de dormir, poderedes entendelo perfectamente.

Mo e a súa filla Meggie de 12 anos, dous apaixoados da literatura, teñen tanto talento contando contos que son capaces de converter en persoas de carne e óso a calquera personaxe da ficción. Mais o problema é que por cada personaxe de ficción que cobra vida desaparece un personaxe real entre as páxinas dun libro. Isto foi o que lle pasou a Resa, a muller de Mo, que quedou atrapada en Corazón de tinta.

Mo buscará o libro durante anos sen dar con el, ata que un día atopa un exemplar nunha librería de vello e comeza unha perigosa viaxe chea de aventuras coa súa filla Meggie.

A película feita polo director británico Iain Softtey a partir dun guión de David Lindsay-Abire, é unha adaptación do libro do mesmo nome de Cornelia Funke.
E tanto na película como no libro o eixe que mantén toda a estrutura é o amor polos libros.

7/6/09

OS MUNDOS DE CORALINE

Excelente película de animación estreada esta fin de semana nas pantallas españolas. Baseada na novela de Neil Gaiman, Coraline, foi dirixida por Henry Selick, realizador de Pesadelo antes de Nadal. É a primeira película de animación stop-motion, rodada en 3D e alta definición, o que lle dá un realismo extraordinario.
Conta a historia dunha rapaza que abre unha porta secreta na súa nova casa e descobre unha segunda versión da súa vida. A primeira vista a realidade paralela é moi parecida á súa vida verdadeira, aínda que moito mellor. Pero cando a súa incrible aventura toma un cariz perigoso e a súa outra nai intenta retela ao seu lado para sempre, Coraline debe recorrer á súa determinación e coraxe, á axuda dos veciños e a un gato negro que pode falar para salvar aos seus auténticos pais, a uns nenos pantasmas e volver para a súa casa.

3/6/09

ZORBA, O GREGO

Hai hoxe oito anos que morreu Anthony Quinn, gañador de dous Óscar e merecedor de moitos máis, un actor de raza capaz de dar vida aos personaxes máis diversos. Foi Búffalo Bill, o irmán de Zapata, Paul Gauguin, Atila, Barrabás, Zeus, o Papa... e sobre todo, Zorba o grego, a máis conseguida identificación dun actor co seu personaxe, un clásico.

Zorba é a historia de dous homes, o extrovertido grego nómada Zorba (A. QUINN) e o tímido escritor inglés Basil (ALAN BATES), que coinciden na illa de Creta e acaban sendo parte dela. Basil herda unha pequena propiedade na illa e alí coñece a Zorba, un home cheo de vitalidade e ilusión pola vida. Cando Zorba acepta o traballo que lle ofrece Basil na súa mina abandonada, este inicia un camiño de aprendizaxe da vida, pasando de ser un mero observador a disfrutar da súa existencia.

A película, dirixida por M. Cacoyannis e estreada no 1964, está baseada na novela Alexis Zorba de Nikos Kazantzakis, e foi gañadora de tres óscar: mellor actriz de reparto para Lila Kedrova, mellor dirección artística e mellor fotografía, e foi candidata a catro máis: mellor película, mellor director, mellor guión adaptado e mellor actor principal para A. Quinn. Ademais esta película fixo famosa a música de Theodorakis e o sirtaki, danza típica grega.