23/4/09

ESPERPENTOS

Despois de levar ao cine Divinas palabras e Tirano Banderas, J. L. García Sanchez volve a Valle Inclán con Esperpentos. A película, estreada o 15 de novembro do pasado ano no Festival de cine iberoamericano de Huelva, empezará a proxectarse nos cines a partir de hoxe coincidindo co Día do Libro. O guión, realizado en colaboración con Rafael Azcona, é unha adaptación da triloxía Martes de Carnaval formada por Las galas del difunto, Los cuernos de don Friolera e La hija del capitán.
Aqui vos deixamos un pequeno resumo:
Don Manolito e don Estrafalario pasan os últimos anos da ditadura de Primo de Rivera seguindo as obras teatrais escritas por Valle e prohibidas pola censura. E así un día atopan "Las galas del difunto", retrato dos desquiciados soldados que viñan de perder a colonia. Outro día entran nunha caseta de feira do pobo e presencian unha representación de "Los cuernos de D. Friolera", cruel historia da defensa da honra cuarteleira. E ata teñen a sorte de asistir á filmación dunha película sobre o texto de "La hija del capitán" , unha sátira sobre as relacións entre a intendencia militar e a defensa da patria.

12/4/09

LES FEMMES DE L'OMBRE

Inspirada nun feito real, estase a proxectar estes días nos cines Les femmes de l’ombre de Jean-Paul Salomé, protagonizada por Sophie Marceau, na que a muller ten un protagonismo absoluto.

En maio de 1944, os ingleses reclutan un comando de cinco mulleres que tiran en paracaídas na Francia ocupada. A súa misión é protexer o segredo do desembarco de Normandía, e para lograr este obxectivo teñen que rescatar a un xeólogo militar que se atopa enfermo nun hospital ocupado polos nazis. Mais, cumprida a súa misión, vense obrigadas a colaborar coa resistencia francesa para matar ao coronel Heindric, xefe do contraespionaxe alemán.

A película quere ser unha homenaxe á memoria de
Louise Desfontaine
, unha axente do S.O.E. que levou a cabo a misión de rescatar a un xeólogo militar inglés que traballaba na praia de Normandía preparando o desembarco, e a todas as mulleres que colaboraron na sombra para derrotar o fascismo.


A película destaca especialmente na recreación da época e na fotografía así como no traballo das actrices e actores, con escenas de gran tensión, aínda que algúns críticos opinan que
“en lugar de ver a ese grupo de mujeres que permanecieron durante décadas en la sombra, contemplamos más bien la belleza de las actrices, jugando a empuñar un arma, pintarse los labios para salir a matar, retocarse el flequillo. Nada que ver todo ello con el lodo, la metralla, la muerte.”

O mellor que se pode facer para opinar é vela.