
Hai hoxe oito anos que morreu Anthony Quinn, gañador de dous Óscar e merecedor de moitos máis, un actor de raza capaz de dar vida aos personaxes máis diversos. Foi Búffalo Bill, o irmán de Zapata, Paul Gauguin, Atila, Barrabás, Zeus, o Papa... e sobre todo, Zorba o grego, a máis conseguida identificación dun actor co seu personaxe, un clásico.
Zorba é a historia de dous homes, o extrovertido grego nómada Zorba (A. QUINN) e o tímido escritor inglés Basil (ALAN BATES), que coinciden na illa de Creta e acaban sendo parte dela. Basil herda unha pequena propiedade na illa e alí coñece a Zorba, un home cheo de vitalidade e ilusión pola vida. Cando Zorba acepta o traballo que lle ofrece Basil na súa mina abandonada, este inicia un camiño de aprendizaxe da vida, pasando de ser un mero observador a disfrutar da súa existencia.
A película, dirixida por M. Cacoyannis e estreada no 1964, está baseada na novela Alexis Zorba de Nikos Kazantzakis, e foi gañadora de tres óscar: mellor actriz de reparto para Lila Kedrova, mellor dirección artística e mellor fotografía, e foi candidata a catro máis: mellor película, mellor director, mellor guión adaptado e mellor actor principal para A. Quinn. Ademais esta película fixo famosa a música de Theodorakis e o sirtaki, danza típica grega.