7/6/09

OS MUNDOS DE CORALINE

Excelente película de animación estreada esta fin de semana nas pantallas españolas. Baseada na novela de Neil Gaiman, Coraline, foi dirixida por Henry Selick, realizador de Pesadelo antes de Nadal. É a primeira película de animación stop-motion, rodada en 3D e alta definición, o que lle dá un realismo extraordinario.
Conta a historia dunha rapaza que abre unha porta secreta na súa nova casa e descobre unha segunda versión da súa vida. A primeira vista a realidade paralela é moi parecida á súa vida verdadeira, aínda que moito mellor. Pero cando a súa incrible aventura toma un cariz perigoso e a súa outra nai intenta retela ao seu lado para sempre, Coraline debe recorrer á súa determinación e coraxe, á axuda dos veciños e a un gato negro que pode falar para salvar aos seus auténticos pais, a uns nenos pantasmas e volver para a súa casa.

3/6/09

ZORBA, O GREGO

Hai hoxe oito anos que morreu Anthony Quinn, gañador de dous Óscar e merecedor de moitos máis, un actor de raza capaz de dar vida aos personaxes máis diversos. Foi Búffalo Bill, o irmán de Zapata, Paul Gauguin, Atila, Barrabás, Zeus, o Papa... e sobre todo, Zorba o grego, a máis conseguida identificación dun actor co seu personaxe, un clásico.

Zorba é a historia de dous homes, o extrovertido grego nómada Zorba (A. QUINN) e o tímido escritor inglés Basil (ALAN BATES), que coinciden na illa de Creta e acaban sendo parte dela. Basil herda unha pequena propiedade na illa e alí coñece a Zorba, un home cheo de vitalidade e ilusión pola vida. Cando Zorba acepta o traballo que lle ofrece Basil na súa mina abandonada, este inicia un camiño de aprendizaxe da vida, pasando de ser un mero observador a disfrutar da súa existencia.

A película, dirixida por M. Cacoyannis e estreada no 1964, está baseada na novela Alexis Zorba de Nikos Kazantzakis, e foi gañadora de tres óscar: mellor actriz de reparto para Lila Kedrova, mellor dirección artística e mellor fotografía, e foi candidata a catro máis: mellor película, mellor director, mellor guión adaptado e mellor actor principal para A. Quinn. Ademais esta película fixo famosa a música de Theodorakis e o sirtaki, danza típica grega.

22/5/09

OS HOMES QUE NON AMABAN ÁS MULLERES

A próxima semana estará xa nos cines a adaptación da primeira novela da triloxía do Millennium de Stieg Larsson, unha película de suspense dirixida polo danés Niels Arden Oplev e rodada en Estocolmo, que ten como protagonista ao periodista de investigación da revista Millennium Mikael Blomkvist e como coprotagonista a Lisbeth Salander, unha estravagante investigadora privada.
Mikael e Lisbeth serán os encargados de investigar a desaparición dunha rapaza de 16 anos chamada Harriet Vanger hai 36 anos durante unhas festas de verán na illa sueca de Hedeby, propiedade da familia Vanger.
Os que aínda non lestes o libro aínda tedes tempo de lelo antes de ver a película.

18/5/09

A RAÍÑA VITORIA

Data da estrea : 01 Maio 2009
Dirixida por Jean-Marc Vallee
Con Emily Blunt, Rupert Friend, Paul Bettany
Película americana.
Xénero: Histórico
Duración: 1h 40min.
Título orixinal: The Young Victoria - 2008

Narra o inicio do reinado de Vitoria I, desde un ano antes da súa chegada ao trono, en 1837, até o seu matrimonio co príncipe alemán Alberte de Saxonia-Coburgo en 1840. Vitoria, cos seus 63 anos de reinado (1837-1901), é até agora a monarca máis lonxeva na historia da monarquía británica. A súa vida xa fora levada ao cine en varias ocasións. Esta nova versión, que aporta unha suntuosa posta en escena, céntrase na xove Vitoria, apaixoada pero con carácter, a quen queren controlar todos os que a rodean, e que atopa o amor nun xove príncipe que, coma ela, desexa librarse dos controis dos demais, neste caso do seu tío o rei de Bélxica.
Nestas páxinas poderedes ler un extenso comentario da película e disfrutar das mellores fotos e dun trailer deste film:

http://www.unmundodecine.com/2009/04/la-reina-victoria-pelicula-2009.html
http://www.sensacine.com/film/fichefilm.html?cfilm=126288&ls=1

14/5/09

O CLUB DA CALCETA

Xa lestes a novela de María Reimóndez? Pois aquí vos deixo un adianto da película de Antón Dobao, unha adaptación libre da novela de Reimóndez, que acaba de acadar o Gran Premio de Famafest en Portugal, un festival que aborda as relacións entre cine e literatura.

As personaxes protagonistas, interpretadas por Mela Casal, María Vázquez, Susana Dans, Sonia Castelo e Katia Klein, que se reúnen todos os xoves nunha clase de calceta, irán tecendo uns fíos invisibles nos que caerán homes de diferentes clases e condicións.

VINGANZA, REIVINDICACIÓN, XUSTIZA... o club da calceta non ten límites. Porque é unha revolución e iso non se pode parar.

23/4/09

ESPERPENTOS

Despois de levar ao cine Divinas palabras e Tirano Banderas, J. L. García Sanchez volve a Valle Inclán con Esperpentos. A película, estreada o 15 de novembro do pasado ano no Festival de cine iberoamericano de Huelva, empezará a proxectarse nos cines a partir de hoxe coincidindo co Día do Libro. O guión, realizado en colaboración con Rafael Azcona, é unha adaptación da triloxía Martes de Carnaval formada por Las galas del difunto, Los cuernos de don Friolera e La hija del capitán.
Aqui vos deixamos un pequeno resumo:
Don Manolito e don Estrafalario pasan os últimos anos da ditadura de Primo de Rivera seguindo as obras teatrais escritas por Valle e prohibidas pola censura. E así un día atopan "Las galas del difunto", retrato dos desquiciados soldados que viñan de perder a colonia. Outro día entran nunha caseta de feira do pobo e presencian unha representación de "Los cuernos de D. Friolera", cruel historia da defensa da honra cuarteleira. E ata teñen a sorte de asistir á filmación dunha película sobre o texto de "La hija del capitán" , unha sátira sobre as relacións entre a intendencia militar e a defensa da patria.

12/4/09

LES FEMMES DE L'OMBRE

Inspirada nun feito real, estase a proxectar estes días nos cines Les femmes de l’ombre de Jean-Paul Salomé, protagonizada por Sophie Marceau, na que a muller ten un protagonismo absoluto.

En maio de 1944, os ingleses reclutan un comando de cinco mulleres que tiran en paracaídas na Francia ocupada. A súa misión é protexer o segredo do desembarco de Normandía, e para lograr este obxectivo teñen que rescatar a un xeólogo militar que se atopa enfermo nun hospital ocupado polos nazis. Mais, cumprida a súa misión, vense obrigadas a colaborar coa resistencia francesa para matar ao coronel Heindric, xefe do contraespionaxe alemán.

A película quere ser unha homenaxe á memoria de
Louise Desfontaine
, unha axente do S.O.E. que levou a cabo a misión de rescatar a un xeólogo militar inglés que traballaba na praia de Normandía preparando o desembarco, e a todas as mulleres que colaboraron na sombra para derrotar o fascismo.


A película destaca especialmente na recreación da época e na fotografía así como no traballo das actrices e actores, con escenas de gran tensión, aínda que algúns críticos opinan que
“en lugar de ver a ese grupo de mujeres que permanecieron durante décadas en la sombra, contemplamos más bien la belleza de las actrices, jugando a empuñar un arma, pintarse los labios para salir a matar, retocarse el flequillo. Nada que ver todo ello con el lodo, la metralla, la muerte.”

O mellor que se pode facer para opinar é vela.