24/1/09

O CURIOSO CASO DE BENJAMIN BUTTON de David Fincher

O 6 de febreiro estréase a película O CURIOSO CASO DE BENJAMIN BUTTON do director David Fincher, interpretada por Brad Pitt e Cate Blanchett, que parte como favorita para os Óscar con trece nominacións.
Baseada nun relato curto que Scott Fitzgerald publicou en 1921 na revista Collier’s e posteriormente no libro Tales of the Jazz Age, conta a historia dun home que nace con oitenta anos e se vai volvendo novo a medida que pasa o tempo, ata acabar morrendo de bebé.
A adaptación do conto de Scott Fitzgerald, realizada polo guionista Eric Roth, autor tamén, entre outros, do guión de Forrest Gump, é segundo algúns críticos a parte menos atractiva do filme, que vai narrando a vida de Benjamin en flashbacks do relato que unha anciá a piques de morrer lle fai á súa filla. Pola contra, destacan as homenaxes que se fan na película a determinadas épocas do cine e a mestría á hora de ilustrar escenas que fan referencia ao motivo do non regreso, como a do enorme reloxio da estación que xira ao revés, porque o cego que o construíu desexaba que volvera o seu fillo morto na guerra, ou as escenas que fan referencia ao accidente de tráfico que trunca o futuro dunha bailarina de balé.
O tema central da película tráenos á memoria o conto O neno suicida que Rafael Dieste publicou no ano 1927 xunto con tres contos máis, como apéndice da primeira edición da súa obra de teatro A fiestra valdeira, que logo pasarían a formar parte da edición definitiva do libro de relatos Dos arquivos do trasno.

Os que queiran coñecer mellor a narrativa de Scott Fitzgerald poden ler El curioso caso de Benjamin Button y otros cuentos, editado por Lumen en 2008 ou El Gran Gatsby, en formato libro ou dixital.

No hay comentarios:

Publicar un comentario