23/4/09

ESPERPENTOS

Despois de levar ao cine Divinas palabras e Tirano Banderas, J. L. García Sanchez volve a Valle Inclán con Esperpentos. A película, estreada o 15 de novembro do pasado ano no Festival de cine iberoamericano de Huelva, empezará a proxectarse nos cines a partir de hoxe coincidindo co Día do Libro. O guión, realizado en colaboración con Rafael Azcona, é unha adaptación da triloxía Martes de Carnaval formada por Las galas del difunto, Los cuernos de don Friolera e La hija del capitán.
Aqui vos deixamos un pequeno resumo:
Don Manolito e don Estrafalario pasan os últimos anos da ditadura de Primo de Rivera seguindo as obras teatrais escritas por Valle e prohibidas pola censura. E así un día atopan "Las galas del difunto", retrato dos desquiciados soldados que viñan de perder a colonia. Outro día entran nunha caseta de feira do pobo e presencian unha representación de "Los cuernos de D. Friolera", cruel historia da defensa da honra cuarteleira. E ata teñen a sorte de asistir á filmación dunha película sobre o texto de "La hija del capitán" , unha sátira sobre as relacións entre a intendencia militar e a defensa da patria.

12/4/09

LES FEMMES DE L'OMBRE

Inspirada nun feito real, estase a proxectar estes días nos cines Les femmes de l’ombre de Jean-Paul Salomé, protagonizada por Sophie Marceau, na que a muller ten un protagonismo absoluto.

En maio de 1944, os ingleses reclutan un comando de cinco mulleres que tiran en paracaídas na Francia ocupada. A súa misión é protexer o segredo do desembarco de Normandía, e para lograr este obxectivo teñen que rescatar a un xeólogo militar que se atopa enfermo nun hospital ocupado polos nazis. Mais, cumprida a súa misión, vense obrigadas a colaborar coa resistencia francesa para matar ao coronel Heindric, xefe do contraespionaxe alemán.

A película quere ser unha homenaxe á memoria de
Louise Desfontaine
, unha axente do S.O.E. que levou a cabo a misión de rescatar a un xeólogo militar inglés que traballaba na praia de Normandía preparando o desembarco, e a todas as mulleres que colaboraron na sombra para derrotar o fascismo.


A película destaca especialmente na recreación da época e na fotografía así como no traballo das actrices e actores, con escenas de gran tensión, aínda que algúns críticos opinan que
“en lugar de ver a ese grupo de mujeres que permanecieron durante décadas en la sombra, contemplamos más bien la belleza de las actrices, jugando a empuñar un arma, pintarse los labios para salir a matar, retocarse el flequillo. Nada que ver todo ello con el lodo, la metralla, la muerte.”

O mellor que se pode facer para opinar é vela.

9/3/09

BLINDNESS (A CEGAS)

O próximo venres día 13 estréase en todos os cines A CEGAS do director, guionista e produtor brasileiro Fernando Meiralles, unha adaptación da novela de Saramago Ensaio sobre a cegueira. A CEGAS é unha historia sobre unha humanidade paralizada por unha misteriosa epidemia de cegueira.

Meiralles, que xa ten experiencia como adaptador de novelas con películas como El jardinero fiel, inspirada nunha novela de Jon Le Carré ou Ciudad de Dios, noutra de Paulo Lins, di que como é un lector compulsivo parécelle unha boa excusa para seguir metido no mundo da literatura.

A película comeza coa cegueira repentina dun home mentres vai conducindo do traballo á casa. A partir dese momento todas as persoas que se cruzan con el correrán a mesma sorte. E a medida que se extende a epidemia e o pánico se apodera da cidade, as vítimas van sendo confinadas e sometidas a corentena nun psiquiátrico abandonado. Mais alí hai unha muller que finxe estar cega para estar co seu home. É a única persoa que non está contaxiada e conseguirá sacar do hospital a unhas cantas persoas coa esperanza de salvar á humanidade.

IDE lendo a novela de Saramago e así poderedes logo contrastala coa película. Xa sabedes que a linguaxe cinematográfica non ten nada que ver coa linguaxe da narrativa.

24/1/09

O CURIOSO CASO DE BENJAMIN BUTTON de David Fincher

O 6 de febreiro estréase a película O CURIOSO CASO DE BENJAMIN BUTTON do director David Fincher, interpretada por Brad Pitt e Cate Blanchett, que parte como favorita para os Óscar con trece nominacións.
Baseada nun relato curto que Scott Fitzgerald publicou en 1921 na revista Collier’s e posteriormente no libro Tales of the Jazz Age, conta a historia dun home que nace con oitenta anos e se vai volvendo novo a medida que pasa o tempo, ata acabar morrendo de bebé.
A adaptación do conto de Scott Fitzgerald, realizada polo guionista Eric Roth, autor tamén, entre outros, do guión de Forrest Gump, é segundo algúns críticos a parte menos atractiva do filme, que vai narrando a vida de Benjamin en flashbacks do relato que unha anciá a piques de morrer lle fai á súa filla. Pola contra, destacan as homenaxes que se fan na película a determinadas épocas do cine e a mestría á hora de ilustrar escenas que fan referencia ao motivo do non regreso, como a do enorme reloxio da estación que xira ao revés, porque o cego que o construíu desexaba que volvera o seu fillo morto na guerra, ou as escenas que fan referencia ao accidente de tráfico que trunca o futuro dunha bailarina de balé.
O tema central da película tráenos á memoria o conto O neno suicida que Rafael Dieste publicou no ano 1927 xunto con tres contos máis, como apéndice da primeira edición da súa obra de teatro A fiestra valdeira, que logo pasarían a formar parte da edición definitiva do libro de relatos Dos arquivos do trasno.

Os que queiran coñecer mellor a narrativa de Scott Fitzgerald poden ler El curioso caso de Benjamin Button y otros cuentos, editado por Lumen en 2008 ou El Gran Gatsby, en formato libro ou dixital.

23/1/09

NOVIDADES DE XANEIRO

Xa tedes aquí as películas que pedimos no mes de xaneiro. Esperamos as vosas suxestións para ir creando a cinemateca do noso instituto.
BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.
  • Los reyes del Ártico de Sarah Robertson e Adam Ravetch, Paramount Classics/National Geographic Films. Documental que segue a vida dunha morsa e dun oso polar que viven nunha zona na que se están a derretir os xeos polares, ameazando o seu fogar e a súa vida. No mundo salvaxe e xeado do Ártico, todos os anos recomeza un ciclo ancestral: de nacemento, morte e renovación, de amor e vida, de autosacrificio e risco extremo. Aquí inician a súa viaxe máxica dende a infancia ata a madureza, defendidos polas súas nais con toda a forza que lles regalou a natureza.
  • La Tierra. La película de nuestro planeta, BBC. Este magnífico documental sobre o noso planeta e as súas transformacións, as condicións de supervivencia dalgunhas especies animais e o seu comportamento natural, en ocasións con elementos moi cómicos, foi realizada coas máis sofisticadas técnicas, ao mesmo tempo que a serie de televisión da BBC Planet Earth. Presentouse á sección oficial do Festival de San Sebastián no 2007.
  • 300, película en DVD de Zack Snyder, Warner Bros Pictures, 2007. É unha adaptación da novela gráfica de Frank Miller sobre a batalla das Termópilas, na que Leónidas e os seus 300 espartanos se enfrontaron ao exército persa no desfiladeiro que dá nome á batalla. Morreron todos, mais deixaron o recordo da súa fazaña dende a obra do historiador Heródoto ata os nosos días.
  • El cuerpo humano al límite, nova serie de Discovery Channel, amosa cun sorprendente abano de gráficas orixinais e animación, como o noso corpo e o noso cerebro sofren transcentais cambios ao ser forzados a un estado de crise. Gravada en distintos lugares do mundo, presenta conmovedores testemuñas de xente que experimentou unha inusual forza física e mental ao atoparse nunha situación límite.

21/1/09

O LECTOR de Stephen Daldry


Stephen Daldry, director de películas como Billy Elliot ou As horas, volve ao mundo do audiovisual coa película O LECTOR, baseada na novela homónima de Bernard Schlink.
Protagonizada por Ralph Fiennes e Kate Winslet, Globo de Ouro 2009 á mellor actriz, fai unha reflexión sobre o horror nazi e a corresponsabilidade da sociedade alemá no holocausto, a través da historia de amor entre Michel, un estudante de secundaria de 15 anos e Hanna, unha muller vinte anos maior ca el, na posguerra alemá. A relación entre ambos estará marcada polas lecturas de obras clásicas en voz alta que Michel lle fai a Hanna.
Mentres agardamos a chegada da película ás pantallas dos cines podemos ir lendo a novela de Schlink, publicada en Anagrama.

A CLASE de Cantet e Bégaudeau


Esta fin de semana comezou a proxectarse nos cines A CLASE de Laurent
Cantet, que recibiu a Palma de Ouro 2008 no Festival de Cannes. A película, unha adaptación da novela Entre les murs de François Bégaudeau, que tamén participa como guionista e actor, conta a historia de François, un xove profesor de lingua nun conflitivo instituto dun barrio parisino, cos seus alumnos de 14 e 15 anos.
A axilidade e frescura dos enfrontamentos dialécticos que François mantén cos seus alumnos na aula, microcosmos da sociedade multirracial dos marxinais barrios periféricos parisinos, sen tópicos nin excesos, prenden ao espectador ata o final.
A editorial Xerais anúncianos que dentro de poucos días sairá publicada en galego a novela de Bégaudeau, traducida por Xabier Senín e Isabel Soto.
Ide facéndolle un oco no voso tempo!